Narrado en primeira persoa polo seu protagonista principal, Kwei-Lan cóntanos a súa conmovedora historia, a dunha muller nacida no seo dunha familia distinguida que dende o mesmo momento do seu nacemento é prometida en matrimonio co seu futuro marido tal e como marcan as normas e tradicións, tanto do seu país coma da súa familia. E para iso será educada e preparada, para servir fielmente ao seu esposo segundo os costumes orientais e chegar a ser a perfecta esposa que todos esperan que sexa.
O seu futuro marido, pola contra, recibe unha educación totalmente diferente, xa que se trasladará a vivir a Estados Unidos para recibir formación académica como médico. Ao rematar a carreira e regresar de novo á súa patria, os seus pais obrigaranlle a cumprir co compromiso e casar coa súa prometida, Kwei-Lan.
Un mundo totalmente diferente abrirase ante eles, pero principalmente para ela. O desexo del é desmarcarse das ríxidas normas orientais e achegase máis as occidentais. Ela terá que acomodarse a unha forma e ritmo de vida para o que non foi preparada, e que por outro lado lle custa enormemente entender. Sufriu moitas penurias e sufrimentos na súa educación de "boa esposa" e agora enfróntase a un mundo que descoñece e a desconcerta. Collida entre dous mundos totalmente diferentes, unha loita interna de sentimentos enfrontados iniciarase no seu interior, debendo librar esa batalla en soidade.