sábado, 20 de junio de 2015

NOVELA GRÁFICA: manga e cómic


Este foi o primeiro ano en que funcionou un grupo de novela gráfica. O ano anterior xa se fixeran algunhas lecturas, pero integradas dentro do grupo de 3º e 4º de ESO.

A experiencia foi moi positiva, porque se conformou unha rapazada do máis diverso tipo: grandes lectores de novela, só adictos ó manga, escasos coñecedores da novela gráfica, alumnado de diferentes niveis (desde 1º ata 4º de ESO) e con ritmos distintos de aprendizaxe. To do isto conferíulle ó grupo un colorido diferente ó dos outros clubs do instituto.

A integración das diferentes opinións sobre o funcionamento e a selección fíxose dun xeito natural. Cada membro escoitaba ós mais coñecedores de cada tema e paulatinamente fóronse integrando, aportando e , sobre todo, escoitando as propostas que os máis  “frikis” aconsellaban.


As reunións tiñan lugar quincenalmente, facendo mesa redonda onde se amosaban os títulos que se decidían para ler ou se formulaban propostas para a adquisición por parte da Biblioteca e do Club. Tamén se creou un fondo de préstamos personais, onde se intercambiaban cómics e mangas -estes foron maioría- dos proprios membros.

O resultado e a valoración deste grupo foi moi positiva, polo  que a presenza deste grupo nos vindeiros non só está asegurada, senón que irá en aumento.

A continuación presentamos algúns dos títulos  e traballos realizados polos compoñentes do grupo, que consisten en grabacións en vídeo de opinións das obras lidas. (ver blog)



martes, 16 de junio de 2015

A MEMORIA DA CHOIVA de Pedro Feijoo

Derradeira lectura do grupo e interesante novela de intriga policíaca, onde se producen varios asasinatos que deberán tentar de resolver un xornalista caído en desgracia e ¡unha profesora de literatura galega da USC! Tras cada crime hai un poema de Rosalía de Castro.
Un libro cheo de poesía, morte, memoria, amor e futuro. Un final sorprendente.

A escolla non foi casual, senón que debeuse a saída que tiñamos preparada para o final de curso e que nos quedara pendente do curso anterior: o Roteiro Rosalía en Santiago.

Sen embargo, só dous membros do grupo o leron, xa que coincidíu coas probas finais de curso e  para a meirande parte do alumnado supón un gran esforzo, polo que teñen que deixar a un lado actividades coma as do Club de Lectura. Faremos as aportacións ó blog para o vindeiro curso, xa que cinco alumnos levaron o libro para lelo en vacacións.

Boa lectura para o verán!